- No programa de recollida selectiva de materia orgánica “Ti tes a chave” hai 125 empresas adheridas.
A campaña informativa sobre residuos coa que o Concello de Carballo quere chegar aos grandes produtores de todo o termo municipal «avanza a moi bo ritmo» con 122 visitas realizadas ata este pasado venres, sinalan desde o Administración local, cunha «acollida está sendo excelente, e a valoración dos servizos, tamén». Os datos recollidos introdúcense nunha aplicación informática que permite coñecelos en tempo real e que ademais facilitará a valoración e, de ser o caso, a intervención nas cuestións que expoñan as empresas.
A campaña inclúe visitas individuais a máis de 500 comercios e establecementos de hostalaría co obxectivo de seguir aumentando a rede de empresas comprometidas coa xestión sostible de residuos, integrada por máis de 200 negocios dos sectores máis variados. Entre eles figuran 125 participantes no programa “Ti tes a chave”, destinado á recollida selectiva de residuos orgánicos.
Ademais de seguir ampliando a participación na xestión sostible dos bio-residuos entre os grandes produtores, a iniciativa tamén pretende mellorar a recollida selectiva doutros residuos como as pilas, o aceite de cociña usado ou o cartón.
Para a recollida de pilas ofrécese a todos os negocios a posibilidade de dispoñer dun colector específico nas súas instalacións, tanto para uso propio como para facilitar o depósito á súa clientela e á veciñanza en xeral. As persoas interesadas deberán chamar ao número de teléfono 981 754 917 para iniciar o proceso.
Se ben para a recollida de aceite de cociña xa existen colectores específicos distribuídos por todo o concello, os grandes produtores poden optar pola recollida individual solicitándoa no 600 000 222.
En canto á recollida de cartón pregado, en Carballo funciona con moi bos resultados o sistema porta a porta, un servizo que se realiza tres días á semana. Máis información no 981 754 917.