Este venres “Día do Ritmo” en Malpica

1 minutes read

O pavillón municipal de Malpica será escenario dun espectáculo de deporte e música aberto a todos os públicos, que comezará cunha exhibición de ximnasia rítmica a cargo das escolas municipais de Cabana e Malpica e rematará cunha demostración do alumnado da escola municipal de baile moderno do Concello de Malpica.
O espectáculo comezará ás 18.00 horas, e a entrada é libre.
Trátase dunha iniciativa da área Deportes do Concello de Malpica, que ven realizando un importante esforzo na promoción das modalidades deportivas de baile moderno e ximnasia rítmica. Con esa intención, á marxe de difundir a súa práctica involucrando a diferentes entidades, incluso de fóra do municipio, estableceuse a organización dun evento co obxecto de dar unha maior difusión a ditas actividades e poder ofrecer tamén un espazo específico para realizar demostracións do aprendido durante o curso.