Carballo asina dous contratos de obras por 811 mil euros

2 minutes read

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou este martes os contratos correspondentes ás obras de asfaltado de accesos a vivendas e reurbanización da contorna do Fórum, que serán executados polas empresas Construcciones Vázquez y Reino e Construcciones López Cao, respectivamente, e que suporán un investimento total de 811.462,30 euros.

As obras de asfaltado de accesos a vivendas, explotacións e parcelas de uso público realizaranse nas 18 parroquias. O investimento acada os 432.091 euros e o prazo de execución será de tres meses. O proxecto consiste na dotación dunha nova capa de rodaxe en 72 treitos de distintas lonxitudes e anchos. En total serán pavimentados máis de 12 quilómetros de pistas, cunha superficie de 43.693,84 metros cadrados. Agás en dous casos, nos que se aplicará dobre rego, en todas as vías está prevista a aplicación dunha capa de rodaxe de 5 centímetros de espesor.

A reurbanización da contorna do Fórum Carballo suporá un investimento de 379.371,30 euros. O proxecto inclúe a renovación de instalacións e infraestruturas urbanas, resolvendo as deficiencias dos servizos urbanísticos existentes, e a mellora da accesibilidade e a seguridade viaria mediante a reordenación dos espazos e a renovación de pavimentos en dous treitos: a rúa Xílgaro, dende o cruce coa avenida da Milagrosa ata a rotonda con Luís Braille e dende este punto ata o entronque coas rúas Campo da Feira e Fotógrafo José Vidal, e as rúas Luís Braille e Enxeñeiro Barreira. Ao mesmo tempo, as obras están concibidas para mellorar as condicións de celebración da feira.

As rúas Xílgaro e Luís Braille serán de dirección única, con aparcamento en ámbalas dúas marxes e zonas peonís máis amplas que incluirán, ademais, vexetación para darlle certa continuidade á rede verde entre o Parque da Milagrosa e a contorna menos consolidada. O corredor peonil cuberto que discorre baixo os soportais edificados será renovado para integralo no espazo e crearase espazos verdes que integrarán, ademais, o mobiliario fabricado polo alumnado do obradoiro de emprego de carpintería. O prazo de execución será de 22 semanas.