A artesanía local cobra vida no Castelo de Vimianzo co ‘Desfile do liño’

1 minutes read
  • O acto, organizado pola Asociación de Amigos do Liño de Galicia, serviu de peche ao programa Artesanía en vivo

O ‘Desfile do liño’, organizado pola Asociación de Amigos do Liño de Galicia en colaboración coa Deputación da Coruña, pechou este venres a programación Artesanía en vivo posta en marcha polo Concello de Vimianzo e que se desenvolveu durante todo o verán no Castelo da vila. Como non podía ser doutra forma, a fortaleza foi o lugar elixido para este evento onde as creacións dos artesáns locais cobraron vida.

O acto arrincou ás 19:00 horas da man da xornalista vimiancesa Alba Mancebo, e ao mesmo asistiron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, membros do goberno local e varios dos alcaldes e alcaldesas da Costa da Morte.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, resaltou «o traballo incansable das artesás e artesáns» que, a través da arte, son quen de «continuar o que, moito tempo atrás, comezaron os nosos antepasados e tedes a honra de manter viva a identidade de Galicia». O presidente da Deputación, por outra banda, fixo fincapé no «compromiso obrigado das administracións para continuar promovendo este tipo de actividades esenciais».