Abre ao tráfico o nó dos Concheiros, en Santiago, nos dous sentidos de circulación

1 minutes read

O tráfico do nó de Concheiros en Santiago quedou aberto este venres nos dous sentidos de circulación. Deste xeito, unha vez terminada a pavimentación da zona de tránsito de vehículos, dáselle continuidade ao tráfico ascendente de avenida de Lugo e ao descendente de Rodríguez de Viguri.

A próxima finalización das obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Francés á súa entrada en Compostela, na que só quedan pequenos remates, permitiu a apertura esta tarde do tráfico nos dous sentidos de circulación, de subida e baixada, e actuar nas zonas onde estaban desviados os coches de baixada.

A complexidade desta actuación, na que se mantivo o paso de tráfico e tránsito de peóns, impediu intervir en todo o ámbito á vez, polo que nos próximos días os traballos centraranse nos remates de pavimentos en Fonte dos Concheiros e nas zonas do nó nas que non se podía actuar por estar habilitadas para o desvío do tráfico.

Ademais, completaranse os traballos de pintura, para o que se necesitan uns días de tempo seco, e a sinalización. Tamén se procederá á colocación da catenaria, postes de suxeición e luminarias, e á iluminación da nova praza; así como á colocación do dispositivo semafórico no chan, que regulará o paso dos peóns.