Rematadas as obras da praza da Bugalleira en Ponteceso

1 minutes read

Contaron cun investimento de 54.450 euros procedentes do superávit do ano 2017. Con esta actuación integral, promovida pola Concellería de Infraestruturas, preténdese que un espazo público emblemático do concello sexa máis accesible, acolledor e utilizable por parte da veciñanza.

A actuación afectou á totalidade da praza, que ten unha superficie de 980 metros cadrados. Agora hai tres tipos de pavimento para diferenciar os usos. Así, a maior parte do espazo é de formigón, mentres que nas zonas próximas ás vivendas colocáronse lousas rectangulares de pedra de granito moreno, e para delimitar as zonas de tránsito de vehículos, aparcamentos e peonís utilizouse lastro de granito silvestre.

O proxecto incluíu tamén a renovación da iluminación, a instalación de estruturas cubrecontedores para a súa ocultación, seis alcorques e a colocación de catro bancos de formigón armado con asento e respaldo de táboas de madeira de iroko tratada.