A Deputación da Coruña adxudica a redacción dos proxectos das Sendas dos Faros

1 minutes read
  • Trátase dunha das iniciativas incluídas no Plan Director de Mobilidade Ciclista da institución provincial.

A adxudicación supón inicio da redacción dos proxectos de obra de sendas ciclables que conectarán 11 faros das comarcas de Ferrolterra, Ortegal, Costa da Morte e Muros cos seus núcleos de poboación máis cercanos.

Os faros obxecto do proxecto serán os de Estaca de Bares (Mañón), Cabo Ortegal (Cariño), Punta Frouxeira (Valdoviño), Punta Nariga (Malpica), Laxe, Cabo Vilán (Camariñas), Cabo Touriñán (Muxía), Fisterra, Cabo de Cee (Corcubión), Lariño (Carnota) e Punta Queixal (Muros), nos que se deseñarán un total de 59,6 quilómetros de itinerarios de sendas ciclistas apoiados na rede viaria existente e cun ancho aproximado de 2 metros.

O investimento estimado para facer realidade este proxecto ascende a 5,1 millóns de euros. Para o desenvolvemento do mesmo solicitouse financiación a través dos fondos FEDER, en concreto ás axudas que convoca o IDAE (Instituto para la Diversificación y el Ahorro Energético ) dentro do marco das Axudas a Entidades Locais para proxectos de inversión no ambito da economía baixa en carbono.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, sinalou que con este proxecto, a institución provincial pretende potenciar os faros das comarcas de Ferrolterra e Costa da Morte e Muros e seu valor cultural, patrimonial e paisaxístico, fomentando ao mesmo tempo unha mobilidade máis sustentable e respectuosa co medio ambiente na provincia, aplicando un modelo que, ademáis de servir como elemento de vertebración do territorio, axude a dinamizar o turismo

O goberno provincial considera que este proxecto terá unha gran importancia para promover o turismo e diversificar a economía das poboacións costeiras nunha provincia que conta con 26 faros en funcionamento ao longo de 956 quilómetros de costa.