Falece un varón en Tordoia tras precipitarse dende o tellado dunha vivenda

1 minutes read

Un home perdeu a vida despois de caer do tellado dunha vivenda ao mediodía deste xoves. Os feitos ocorreron na parroquia de Anxeriz.

O 112 Galicia tivo constancia do suceso ás 12:45 horas a través da chamada dunha persoa particular que solicitaba asistencia médica urxente para o varón, que quedara inconsciente tras precipitarse dun tellado no lugar de Vilasal. Segundo a información facilitada aos xestores do 112 polo alertante, a vítima realizaba tarefas nun recinto da súa propiedade cando se produciu o accidente. 

Nada máis ter constancia dos feitos, os xestores do 112 pasaron aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, de inmediato, comunicaron a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago ata o punto. Ademais, desde o 112 tamén se solicitou a colaboración dos axentes da Garda Civil e da Policía Local.

Desafortunadamente, unha vez no lugar, os equipos de intervención confirmaron que nada se puido facer por salvarlle a vida ao home.