- Desde o Concello aseguran que non se poderían cumprir as medidas sanitarias necesarias
A Feira das Fabas de Ponteceso tampouco se celebrará este ano. Así o decidiu o Concello, que este mércores comunicou que «non sería posible garantir o cumprimento das medidas sanitarias necesarias, como é o caso da distancia interpersoal» ao tratarse dun evento gastronómico e multitudinario. Neste caso desde o consistorio destacan que se poderían congregar «mil persoas que estarían degustando este produto, e polo tanto tamén supón a retirada da máscara mentres se estivese consumindo os pratos». Esta xustificación non é válida para moitos veciños da localidade que xa mostraron o seu enfado nas redes sociais municipais poñendo como exemplo o consumo de pulpo e churrasco en diferentes festas celebradas durante este mes en Ponteceso.
Esta feira celébrase cada última fin de semana do mes de outubro desde que se recuperara a tradición no ano 1990, por iso desde o Concello animan a todos os locais de restauración e hostalería a elaborar pratos con fabas durante estes días para que os que visiten a vila «poidan degustar este produto pontecesán».