O cemiterio de Carballo acollerá o día de Defuntos inmerso nas obras de ampliación

1 minutes read
  • Na actualidade estase executando a primeira fase das obras que tamén acusa a crise de abastecemento de materiais

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, visitaron estes mércores o cemiterio municipal para comprobar o estado das obras que se están acometendo no mesmo así como a posta a punto do camposanto de cara á celebración de Defuntos co pintado dos panteóns.

As obras de ampliación nos terreos anexos adquiridos polo Concello avanzan con certas dificultades ante a crise de abastecemento de materiais que afecta duramente ao sector da construción a nivel estatal. Na actualidade estase executando a primeira fase cun orzamento de 647.000 euros, procedentes do remanente de tesourería do 2019, e na que se contempla a creación de 720 nichos e 96 columbarios. Sen embargo, o proxecto completo desenvolverase durante os próximos anos para «dar resposta á gran demanda existente», sinalan desde o goberno local, proxectándose nove bloques de niños (dous deles dando continuidade a panteóns xa construídos e o resto coma bloques illados) e cinco de columbarios.

En cumprimento da lexislación autonómica sobre sanidade mortuoria, na primeira fase procederase á instalación dun forno incinerador. A intervención complétase coa urbanización da contorna, mediante a pavimentación das rúas que comunican os bloques de nichos e columbarios, a instalación de bancos, luminarias, papeleiras e billas.