O PP carballés urxe á Deputación a redacción da ampliación da DP-1916 ao seu paso por Baldaio

1 minutes read
  • Os populares afirman que con esta intervención se garantizaría a seguridade viaria na zona

Este venres o PP de Carballo, a través do deputado da formación, Evaristo Ben, levou ao pleno da Deputación da Coruña a necesidade de que a institución provincial redacte coa «máxima urxencia posible» un proxecto que permita a ampliación da estrada DP-1916, que enlaza coa DP-1909 e coa praia de Baldaio na zona coñecida como Pedra do Sal.

Os populares explicaron que o proxecto é unha vella demanda dos veciños do lugar e que ten como principal obxectivo «garantir a seguridade viaria nesta zona». A estrada, cunha lonxitude de aproximadamente 3 quilómetros, «soporta moito tráfico» tanto de vehículos como de veciños e visitantes que acuden ao areal de Baldaio e parte do seu ocio, multiplicándose en época estival. «Estamos a falar dunha zona que carece de beiravías e cuxa anchura roza límites de paso contiguo para dous vehículos», sinalou o concelleiro Rubén Lorenzo, quen engadiu que o tramo é unha recta na que «se alcanzan velocidades elevadas» que supoñen un perigo.

Ademais, desde o Partido Popular non entenden que o goberno local (BNG) presente un plan especial para poñer en valor a zona costeira se os accesos ás praias precisan de melloras. «Xa sabemos que os anuncios e as promesas son o ‘modus operandi’ do goberno desta Deputación e estamos afeitos a que os compromisos queden sempre en papel mollado», afirmou Lorenzo, pedindo que o proxecto «se redacte canto antes e que se cumpra o prazo dunha actuación que é fundamental para a seguridade viaria da zona».