O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, asinaron este venres un convenio para financiar as obras que dotarán á parroquia de Anos dos servizos básicos de abastecemento de auga potable.
A Deputación achegará un total de 56.000 euros (o 80% do orzamento total do proxecto, que ascende a 70.000 euros) para a ampliación da rede de abastecemento de Anos, parroquia do Concello de Cabana de Bergantiños.
A Deputación da Coruña responde así á demanda do Concello de Cabana, que pretende garantir aos seus veciños e veciñas un servizo básico como é o abastecemento de auga potable. O convenio de colaboración entre a Deputación da Coruña e o concello de Cabana de Bergantiños foi aprobado por unanimidade no pleno que se celebrou o pasado venres, 26 de abril, na institución provincial.