Haberá unha nova pérgola na Fervenza do Ézaro en Dumbría

1 minutes read
  • Valentín González Formoso e José Manuel Pequeño asinaron este xoves o convenio de colaboración.

A día de hoxe existe una pérgola de madeira que se demolerá para a construción da nova, na que se optou por unha cubrición acristalada co obxectivo de garantir a adecuada iluminación interior do espazo, permitindo sempre a observación da fermosa paisaxe da zona.

O fin desta nova pérgola, que servirá de antesala á Fervenza do Ézaro, é dotar á contorna de servizos, embelecela e ordenar o turismo estacional que se instalaba na zona durante a tempada turística. Así, instalaranse tamén unhas casetas prefabricadas para que todos os postos que alí se sitúen teñan un estilo homoxéneo, evitando a actual disparidade de modelos e solucións adoptadas polos particulares.

O presente proxecto servirá para transformar a zona nunha área de esparexemento, descanso e ocio desde a que se poderá contemplar a beleza da zona mentres se fai uso dos establecementos situados nas diferentes casetas prefabricadas que se instalarán.

A Deputación da Coruña responde así á demanda do Concello de Dumbría, que pretende continuar a potenciar o turismo en todo o municipio e máis concretamente na zona do Ézaro, que cada ano aumenta a súa afluencia turística e tamén incrementa en proporcións exponenciais o número de negocios que alí se instalan.