A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asinou un convenio de colaboración co director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas, coa patroa maior da confraría de Ferrol, Isabel Maroño, e os seus homólogos nos pósitos de Barallobre e Mugardos, Jorge López e Jesús Pérez, para traballar conxuntamente nos labores de rexeneración que o Executivo galego está a realizar na ría de Ferrol desde o ano 2019.
Segundo especificou a titular de Mar, este acordo supón un reforzo ás actuacións que vén desenvolvendo a Xunta na zona e contribuirá á mellora da produtividade marisqueira da ría e a impulsar boas prácticas dentro da operativa do sector a prol da protección do medio mariño e da explotación sustentable dos recursos. Con ese obxectivo, inclúe accións para a conservación e mellora de poboacións autóctonas de moluscos na ría de Ferrol que se suman ás desenvolvidas polo Executivo galego nos últimos anos.
O director xeral de Reganosa, pola súa banda, felicitouse da consecución desta “alianza estable” e confiou en que contribúa ao desenvolvemento de Ferrolterra e dun sector -a pesca e o marisqueo- cara o que a compañía sente “especial afecto e admiración”. Por iso, apostou por seguir afrontando os retos con contornas de colaboración coma esta.
Mentres, os representantes das confrarías salientaron as bondades deste acordo e fixeron un chamamento a outras empresas da contorna de Ferrol para que sigan ese camiño de apoio ao sector. Coas súas aportacións, aseguraron, contribuirán á recuperación da ría e a preservar un patrimonio colectivo que todos os cidadáns teñen a obriga de coidar.
Dentro desta colaboración, a Consellería do Mar realizará as actuacións de seguimento necesarias para asegurar o aproveitamento das sementeiras de especies de moluscos que se leven a cabo co fin de restaurar os bancos marisqueiros e recuperar a súa capacidade produtiva. Entre estes labores están a realización de mostras, estudos e avaliacións científicas nos hábitats costeiros de importancia marisqueira, a redacción e execución de proxectos de conservación e restauración e o seguimento científico e difusión dos seus resultados.
Pola súa banda, Reganosa aboará a compra de semente por importe total de máis de 80.000 euros nos próximos cinco anos para a rexeneración e sementeira de especies de bivalvos en bancos marisqueiros da ría de Ferrol.
Con esta contía as confrarías de pescadores efectuarán os labores de sementeira, encargaranse de coordinarse entre elas, de poñer en marcha os plans de actuación necesarios e de realizar o seguimento e a toma de mostras nas zonas de sementeira.
18