O Entroido dará comezo en Coristanco o vindeiro 28 de febreiro cunha Festa Infantil de Entroido con Degustación de doces típicos desta festividade, obradoiros e actividades de animación para os máis pequenos a partir das 17:00 horas. Obradoiro de Caretas de entroido, de chapas, de postais e de realización de maracas, son algunhas das actividades ás que poderán acceder todos os que visiten Coristanco esa tarde.
Ás 18 horas haberá unha sesión de teatro na rúa da man de Tarabela Creativa con “Quen ten cú ten medo!” Nesta sesión dunha hora, para rapazada a partir de 6 anos, a meiga abrirá as portas da súa casa para impartir un “Cursiño de prevención de medos”, con cinco partes teóricas e cinco partes prácticas. Na parte teórica, explorarán cinco seres mitolóxicos da cultura popular galega, a través da narración oral. Cinco contos que ofrecerán todas as pistas para enfrontarse despois á parte práctica: cinco xogos para levar a cabo todos aqueles antídotos contra o mal escoitados nas historias. Falarán da Santa Compaña, do Lobishome, da Meiga Chuchona, do Tardo e do Gatipedro. E vencerán toda unha serie de desafíos que nos deixarán claras dúas cousas: o catálogo de seres que habitan a nosa fantasía e o feito de que, en realidade, estamos cheíños de valentía. Por último, farase entrega do diploma que acredita que quedan desfeitos os medos presentes e aínda calquera do futuro, rematando cun conxuro final.
O 4 de marzo, ás 21,00 horas poderemos gozar de De Vacas en Concerto, un cuarteto musical con guitarra e tres voces que abrangue grandes cancións veneradas polas masas de diferentes intérpretes como Spice Girls, Enrique Iglesias, Michel Teló, Gangnam Style… cun formato persoal máis divertido e sarcástico.
