Falece un octoxenario a causa dun accidente cunha máquina agrícola en Pontevedra

1 minutes read

Un veciño da parroquia pontevedresa de Alba perdeu a vida na mañá deste luns a causa dun accidente cunha máquina agrícola. O fatal suceso produciuse preto deste mediodía no lugar de Pontecabras, tal e como indicou a persoa que contactou co 112 Galicia para pedir axuda.

A mesma persoa que alertou indicou que a vítima, xa sen sinais de vida, xacía no chan preto dunha fresa. Posteriormente, e despois de facer as pertinentes investigacións, os axentes da Policía Nacional concluíron que o falecido, un home duns oitenta anos de idade, quedara enganchado pola roupa á máquina e atrapouno.

Ademais dos axentes de seguridade, ao lugar dos feitos acudiron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pero nada puideron facer por salvarlle a vida.