Así o informou este sábado o Ministerio de Asuntos Exteriores alxerino nun comunicado. A nota explica que este Ministerio de Exteriores viuse “moi sorprendido” polo apoio de España ao proxecto de autonomía de Marrocos para o Sahara, polo que decidiu chamar o seu embaixador en Madrid “para consultas con efecto inmediato”. Con todo, fontes de Moncloa afirmaron que o Goberno español “informou previamente” o alxerino sobre a súa posición e destacaron que Alxeria é “un socio estratéxico, prioritario e fiable” co que pretende manter “unha relación privilexiada”. Fontes diplomáticas alxerinas criticaron o cambio de postura de España, que consideran a “segunda traizón histórica” de Madrid ao pobo saharauí “despois do funesto acordo de 1975”, polo cal cedeu a antiga colonia do Sahara Español a Marrocos e Mauritania. “Finalmente Marrocos obtivo o que quería de España”, apuntou o diplomático alxerino.
20