A zona de actuación, no barrio de Catro Camiños, ten unha superficie de 1.504 metros cadrados. O skatepark ocupará uns 400 metros cadrados, mentres que a pista deportiva, que tamén terá bancadas, ocupará 361 metros cadrados. Esta nova infraestrutura situarase baixo o viaduto da avenida de Alfonso Molina. Completará o espazo a praza peonil, de 176 metros cadrados. O espazo restante corresponde a beirarrúas, zona axardinada e un novo paso peonil.
O proxecto do skatepark elaborado procura que todas as persoas, con e sen experiencia, poidan practicar este deporte. Esta zona disporá de elementos que permitirán ir mellorando a técnica aos menos expertos. Pola súa banda, a pista multideporte está adaptada á práctica do baloncesto, con seis canastras que permiten dividir a cancha en varios terreos de xogo.
Un dos obxectivos desta actuación será a mellora da accesibilidade na zona. Reformaranse as beirarrúas e habilitarase un novo paso peonil na rúa Fernando Rey con rede semafórica. Crearase tamén unha praza peonil, que será unha zona de tránsito e encontro, con espazos verdes e bancos.
O proxecto completará a reurbanización da praza José Toubes, na que xa se abriu ao público o renovado Remanso. Na contorna está prevista tamén a mellora de Fernández-Latorre con reurbanización completa, carril bici e prantación de árbores.