O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, anunciou que a partida adicional de 42 millóns de euros do POS+ aprobada o pasado mes de marzo, en principio reservada exclusivamente ao financiamento de obras e investimentos nos 93 concellos coruñeses, poderá destinarse tamén a financiar gastos correntes como a factura eléctrica ou o gasto en combustibles, que veñen experimentando importantes incrementos tras a invasión rusa de Ucraína.
O vicepresidente e responsable da área de Plans, Xosé Regueira, afirmou que a Deputación posibilita que todos os concellos da provincia teñan capacidade de investimento e que sexan capaces de aprobar os seus investimentos sabendo sempre cal é a achega económica da Deputación cada anualidade, “mais tamén procuramos estar sempre atentos ás necesidades puntuais e ás dificultades económicas que estresan as arcas municipais para darlle saída”.