A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o conselleiro do Medio Rural, José González, participaron este mércores no acto de fusión do Colexio Rural Agrupado (CRA) de Santa Comba e o CRA Novo Mencer (Coristanco) nun único CRA que inicialmente se denominará CRA de Santa Comba-Coristanco e ao cal tamén se incorpora a Escola de Educación Infantil de Lañas (A Baña), un evento organizado por AMCRAGA (Asociación de Mestres/as dos CRA de Galicia) ao que asistiron como invitados os representantes dos outros CRA que existen na nosa comunidade (27 en total contando o resultado desta fusión).
Esta fusión lévase a cabo atendendo á petición expresa das direccións de ambos CRA, así como da EEI de Lañas, que foi referendada polos claustros dos tres entes, polos seus respectivos consellos escolares (onde están representadas as familias) e co apoio dos concellos de Santa Comba, Coristanco e A Baña.
Ambos conselleiros efectuaron unha visita á Escola de San Cristovo, un dos tres lugares de docencia que ten o CRA de Santa Comba; e posteriormente desprazáronse á EEI de Lañas, no limítrofe concello da Baña, onde tiveron ocasión de manter un encontro cos representantes do resto dos CRA de Galicia convidados ao acto.