O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde Carnota, Juan Manuel Saborido Rama, e a concelleira Merche Noceda asinaron o convenio para o financiamento da segunda fase das obras do Plan de renovación integral do alumeado público do municipio, un ambicioso proxecto para renovar por completo estas instalacións e mellorar a eficiencia enerxética do municipio cun investimento global de 1,3 millóns de euros. O proxecto tamén conta co apoio económico do IDAE, con fondos FEDER, no marco dos proxectos singulares para entidades locais que favorezan o paso cara unha economía baixa en carbono. O proxecto permitirá renovar 2.336 antigas luminarias (568 nesta fase), a maioría delas de vapor de sodio, e substituílas por tecnoloxía LED, que melloran a eficiencia e potencia lumínica e reducen notablemente o consumo, e a emisión de gases á atmosfera. Melloraranse tamén 51 cadros (9 nesta fase) de luz e os postes e instalacións eléctricas que se atopen en malas condicións, mellorando tamén a súa seguridade.
21