Carballo | O Concello marcará os lugares onde foron subtraídas plantas ou flores

1 minutes read
  • Trátase dunha campaña de sensibilización sobre o coidado das zonas verdes en colaboración con Dixardín, a empresa concesionaria do servizo de mantemento deste tipo de espazos

Desde este xoves as zonas verdes da vila de Carballo lucirán un cartel no que se informará de que nese lugar foi subtraída unha planta. Esta campaña de sensibilización sobre o coidado deste tipo de espazos, organizada polo Concello e a empresa concesionaria do servizo de mantenemento, Dixardín, pretende afear este tipo de actuacións que son «máis frecuentes do que nos gustaría», afirma o alcalde, Evencio Ferrero.

Desde o goberno local sinalan que, por norma xeral, o que máis se subtrae son flores e plantas. Na contorna do Fórum Carballo, por exemplo, faltan a práctica totalidade das flores que había nos maceteiros. Unha situación que se dá en moitos outros lugares pero, sobre todo, en zonas de paso, polo que a brigada municipal de xardín debe repoñer cada mes centos de plantas.

Tamén existe un problema nas zonas de xogos. Nos parques infantís os nenos e nenas aproveitan as zonas verdes para xogar provocando danos nas flores. No Rego da Balsa é preciso repoñer máis de 300 plantas de temporada que decoraban un dos macizos debido ao paso continuado da rapazada. En ocasións, afirman desde o Concello, tamén acontece o mesmo coas mascotas.

Por outra banda, árbores que flanquean as rúas tamén se ven cada vez máis afectadas ao ser vítimas de actos vandálicos, motivo polo que acaban rotas ou secas.