- Poderá verse no centro cultural ata o 30 de xuño
Este xoves o centro cultural de Ponteceso acolleu a inauguración da mostra itinerante ’50 anos cambiando a historia do cancro’. Unha exposición que chega á vila de Pondal grazas ao Concello e á Asociación Española contra o Cancro (AECC).
O acto contou cunha actuación musical previa da man do acordeonista Alexander Capone Méndez. Posteriormente o doutor Fernando Torres Aldón deu unha pequena charla sobre o cancro acompañado de Julia Blanco, presidenta da AECC local de Cabana de Bergantiños e do alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido.
Torres, quen traballa desde hai tres anos na Universidade de Santiago de Compostela investigando na loita contra esta enfermidade, resaltou que «hai máis de 200 tipos diferentes de cancro e cada un deles ten a súa respectiva evolución e o seu tratamento específico». Por este motivo considera «necesario darlle visibilidade á enfermidade e seguir investindo en investigación».
A mostra de fotografías creada polo 50 aniversario da AECC poderá visitarse ata o 30 de xuño.