- Uns 90 estudantes de 4º da ESO e FP do IES Monte Neme coñeceron as vivencias de persoas afectadas por unha lesión medular
O IES Monte Neme de Carballo foi o escenario elixido pola asociación Íntegro para celebrar este venres pola mañá o acto de clausura da campaña de prevención da lesión medular nunha edición especial que reuniu, ademais de a alumnado e profesorado, a uns convidados de excepción para conmemorar o 30º aniversario desta iniciativa, unha das primeiras da historia da entidade. Xunto a Adolfo López Baña, presidente de Íntegro, e outros responsables da entidade, acudiron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o xefe da Unidade de Lesionados Medulares do CHUAC, Antonio Rodríguez Sotillo.
Adolfo López Baña foi o encargado de inaugurar a xornada, na que participaron 90 alumnos e alumnas de 4º da ESO e os ciclos de Formación Profesional. Tras realizar un repaso pola historia de Íntegro explicou a necesidade de seguir mantendo estas campañas de sensibilización para «concienciar á mocidade sobre as consecuencias dun accidente medular, que pode acabar coa nosa vida nun segundo».
Por outra banda, os asistentes puideron visionar o vídeo ‘A ti tamén che pasa’ e escoitar ao xefe da Unidade de Lesionados Medulares do CHUAC. Este explicou aos estudantes en que consiste o seu traballo e enumerou as principais causas e consecuencias de sufrir un accidente destas características. A xornada concluíu cun breve coloquio onde o alumnado coñeceu o día a día de varios membros da asociación con lesión medular, contando ademais coa propia experiencia do rexedor de Carballo.
Desde Íntegro agradecen a implicación da comunidade educativa na difusión desta campaña, na que participaron durante o presente curso máis de 500 alumnos de educación secundaria e formación profesional da Costa da Morte.