O Concello de Oleiros esixe ao Ministerio de Fomento que retire os valados colocados no cruce de Sol y Mar ante a inexistencia de avances na contratación desta obra. Con esta situación estáselle a causar un grave prexuízo á cidadanía que para poder xirar á esquerda desde a rúa do Areal vense obrigados a desprazarse ata a ponte da Pasaxe.
“Solicitámoslle hai meses ao Ministerio de Fomento que retirase os valados do cruce do Sol y Mar. Dixéronos que agardásemos, que ían contratar a obra de inmediato… Pero dese inmediato xa pasaron meses” , explicou o alcalde Ángel García Seoane que vai solicitar unha nova reunión coas persoas responsables do Ministerio. “De non atender as nosas demandas emprenderemos outras medidas para desbloquear esta situación dunha vez por todas”, dixo.
Para licitar esta obra non existe ningún problema. Ao estar prorrogados os orzamentos do Estado, o Ministerio dispón de 4 millóns para contratar. “O solo que se necesitaba conseguímolo nós de maneira gratuíta e xa o puxemos a disposición de Fomento”, comentou o alcalde.