Como estaba previsto, no mediodía deste xoves tivo lugar no xardín municipal a inauguración da plic!, (Praza dos Libros Carballo), que está de volta logo de tres anos sen poder celebrarse pola covid.
Tras a actuación da banda de gaitas municipal, tomou a palabra o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, quen deu a benvida aos presentes “nunha volta con ilusión transmitida cunha nova imaxe” do diseñador carballés Juan Gende. Trigo, debullou o amplo programa que conducirá á Plic! ata este domingo.
Acto seguido, o alcalde, Evencio Ferrero, deu a benvida especial aos libreiros e agradeceu a súa presenza, tamén ao foráneos, a esta “feira da creatividade cultural”. Ferrero, deu paso ao pregoeiro, Xan Fernández Carrera, co que compartiu moitos anos de docencia en Coristanco, ao que encomiou e do que dixo ter “moito aprendido” desde o punto de vista profesional.
Carrera agradeceu as verbas e os encomios, do Concelleiro e do Alcalde, afirmando sentirse moi honrado de ser o pregoeiro desta Praza dos Libros, acto que cualificou de “moita relevancia”. Resaltou a importancia que desempeñan os libros e a lectura na formación das persoas, lembrando a parte ‘positiva’ da pandemia que nos deixou, dixo, “un maior interese pola lectura e a reflexión” tras os momentos de baleiro e soidade provocados polo confinamento, algo que cualificou como “digno de celebrar pola sociedade”, convidando a todas e todos a facelo de xeito colectivo nesta praza de Carballo, na plic!.