Xuntos Carballo M+J pide que se acondicione a contorna da praia de Razo

1 minutes read
  • A formación acudiu este sábado ata o lugar para recoller as queixas e suxerencias da veciñanza.

Membros de Xuntos Carballo M+J estiveron este sábado na praia de Razo para falar coa veciñanza e rexistrar todas as súas demandas e suxerencias, destacando as malas condicións nas que se atopan as zonas máis próximas ao areal. Maleza sen limpar, parque infantil sen acondicionar, «nula seguridade» na focha do anaco de estrada que se veu abaixo hai tempo, puntas de ferro á vista por onde transita o público ou o aparcadoiro público de autocaravanas sen servizos son algúns dos problemas para os que tanto a veciñanza como a formación piden unha solución.

«Chama moito a atención que unha fermosa zona de litoral coma Razo estea neste estado tan deplorable», sinala o secretario de Xuntos Carballo, Xesús Deus Gende, quen remarca que «o postureo das autoridades locais sacando peito e facendo continua propaganda das boas condicións en que se atopa a zona é tan só un espellismo da realidade».