Minutos antes das tres da tarde deste venres produciuse un accidente en Anxeriz – Tordoia, con importantes danos materiais, pero por sorte sen danos persoais. O suceso aconteceu xusto no quilómetro 13 da estrada provincial DP-1914 que une Carballo con Portomouro, no lugar de O Empalme.
Un camión que circulaba pola devandita estrada perdeu no traxecto unha máquina pesada, unha apisoadora das utilizadas na reparación das estradas. A máquina quedou tendida xusto no centro da calzada, interrompendo parte dos dous carrís de circulación. Ademais estaba cargada de combustible, que terminou vertiéndolo á cuneta de evacuación.
O tráfico tivo que ser regulado en primeira instancia polos propios operarios da empresa propietaria da máquina. Xa máis tarde ao lugar desprazouse a Policía Local de Tordoia, así como a Garda Civil de Tráfico. Tamén foi necesario avisar ao servizo de mantemento de estradas para limpar da vía o combustible derramado pola máquina accidentada.