Última oportunidade para participar no campo de voluntariado do Castro de Montes Claros, na Laracha

2 minutes read
  • Dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos, desenvolverase do 26 de xullo ao 6 de agosto.

O Concello da Laracha, co apoio da Consellería de Política Social, organizará entre o 26 de xullo e o 6 de agosto un novo campo de voluntariado internacional de temática arqueolóxica que, neste caso, estará centrado na posta en valor do Castro de Montes Claros e a conservación da súa contorna. A iniciativa está enmarcada na campaña de verán deste ano da Xunta de Galicia e vai dirixida a un máximo de quince mozos de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. As inscricións, que se habilitaron a mediados do mes de maio, deben formalizarse a través da web xuventude.xunta.es.

Segundo sinalan desde o Consistorio, e continuando coas intervencións desenvolvidas no Castro de Montes Claros en anos precedentes noutros campos de voluntariado de similares características a este, nesta ocasión o traballo específico consistirá, fundamentalmente, en «tarefas auxiliares de colaboración na segunda escavación do xacemento como a limpeza dos afloramentos rochosos nos que é precisa a intervención manual ante a posibilidade de atopar petroglifos». Previamente os participantes recibirán formación relativa á identificación das estruturas do poboado fortificado e das paisaxes históricas. Tamén se fará especial fincapé no mantemento da biodiversidade animal e vexetal, fomentando o respecto e interese por preservar as paraxes de interese arqueolóxico, pero tamén aquelas que presentan riqueza medioambiental, etnográfica e patrimonial.

Ese traballo específico no castro levarase a cabo polas mañás, sempre baixo o control da dirección do obradoiro e con supervisión arqueolóxica. Nas tardes e nas fins de semana os voluntarios realizarán outra serie de actividades de tipo educativo, didáctico e cultural que tamén lles permitirá coñecer o termo municipal da Laracha, a súa historia e tradición. Durante a súa estancia aloxaranse nas instalacións do centro sociocultural de Santa Margarida (antigo hospital dos peregrinos de Montemaior). A organización asumirá ao completo os custos da estancia e manutención dos participantes, así como das actividades culturais que realicen.