As doazóns de sangue medraron na Laracha un 10% no último ano

2 minutes read
  • A unidade móbil de ADOS estará este verán na Laracha, Paiosaco e Caión.

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Marisa López, presentaron este xoves no Concello a campaña estival de doazón de sangue na que, un ano máis, colabora a Administración local. O lema este verán de ADOS é ‘Tres millóns de grazas’, en referencia á cifra de doazóns que se realizaron en Galicia desde a creación do organismo en 1993.

Segundo os datos achegados por ADOS, A Laracha mantense entre os municipios da Costa da Morte con mellores cifras de doazón presentando un incremento dun 10% con respecto ao ano anterior. Como cifras concretas, o ano pasado nas unidades móbiles medicalizadas desprazadas ao termo municipal larachés realizáronse 561 doazóns (508 en 2020), cunha taxa de 49 por cada mil habitantes (45 en 2020), o que supón once puntos máis que a media da bisbarra. Ante os datos que se están a rexistrar nos primeiros meses deste 2022 e o incremento no número de doazóns con respecto ao exercicio anterior, a directora da ADOS prevé que A Laracha podería recuperar as cifras anteriores á pandemia do coronavirus, cando a taxa chegou a ser de 51 doazóns por cada mil habitantes no ano 2019.

Marisa López declarou que “sempre é un pracer vir á Laracha porque é un Concello exemplar no apoio ás campañas de ADOS e onde sempre temos garantía de bos resultados”. Sen embargo, insistiu en focalizar a campaña na xuventude dado que “no ano pasado soamente incorporamos un novo doante no municipio”. Tamén incidiu na importancia de doar durante o verán por tratarse dunha “época complicada”, xa que tanto a vaga de calor como o incremento de positivos por covid rexistrado semanas atrás supuxeron un descenso nas reservas de sangue. Neste sentido explicou que para poder doar tras superar o coronavirus deben pasar sete días de exclusión aquelas persoas con síntomas leves e catorce días as que presentaron síntomas graves.

Puntos de doazón este verán no municipio:

A Laracha (Praza do Concello)

  • Martes 26 e mércores 27 de xullo: 10:00 a 14:00 e 16:00 a 21:00 h.
  • Venres 26 de agosto: 10:00 a 14:00 e 16:00 a 21:00 h.
  • Sábado 27 de agosto: 10:00 a 14:00 h.

Caión (Praza Eduardo Vila Fano)

  • Martes 9 de agosto: 16:00 a 18:00 h.

Paiosaco (Campo da Feira)

  • Martes 9 de agosto: 19:00 a 21:00 h.