O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e os concelleiros José Ramón Martínez Barbeito, Jesús Souto, Patricia Bello e Rocío López, recibiron este xoves na Casa do Concello aos vinte e catro alumnos e tres profesores do instituto Zespol Szkol Ogólnokształcących STO da localidade polaca de Toruńska –próxima a Varsovia-, que están formando parte dun programa de intercambio organizado polas seccións bilingües (inglés, música, educación plástica e educación física) do IES Agra de Leborís. Estiveron acompañados por tres mestres e dúas alumnas do instituto larachés, que fixeron de tradutoras.
Os estudantes polacos que están de visita na Laracha teñen entre 12 e 13 anos. Chegaron o mércores e permanecerán aquí ata o martes, estando aloxados durante a súa estancia en vivendas particulares de familias larachesas. No próximo mes de setembro serán os alumnos do IES Agra de Leborís os que visitarán Toruńska para completar o intercambio.
José Manuel López Varela deulles a benvida ao Concello da Laracha e felicitou aos organizadores polo desenvolvemento destas iniciativas, xa que favorecen a aprendizaxe de linguas estranxeiras e o coñecemento doutros países e as súas culturas. O rexedor local respondeu ás preguntas realizadas polos visitantes polacos, centradas na súa actividade como alcalde e nas principais características do termo municipal.
Durante os próximos días os alumnos polacos visitarán a cidade da Coruña, varios puntos da Costa da Morte (xunto ás familias de acollida), Santiago de Compostela e a festa de despedida será o martes cun xantar na área recreativa de Gabenlle despois de celebrar un acto con diversidade de xogos e actuacións na Casa da Cultura da Laracha.
Este é o sexto ano consecutivo que o IES Agra de Leborís organiza actividades de intercambio con centros educativos de Polonia e a cuarta vez que o fai co Zespol Szkol Ogólnokształcących STO de Toruńska.