Os premios PEL 2022 da Deputación da Coruña xa teñen gañadores

1 minutes read

A Deputación da Coruña celebrou no Teatro Jofre de Ferrol a gala da V edición dos premios PEL, uns galardóns cos que a institución provincial recoñece cada ano ás mellores empresas, asociacións e clústers empresariais da provincia e aposta polo desenvolvemento económico. Os premios recaeron nas compostelanas Diversa Technologies, INFONET e a asociación de empresarios Compostela Monumental e recoñeceuse con accésits o proxecto cultural AcercArte de Ferrol, a empresa Equipos Lagos, con sede no polígono de Bergondo, e a asociación de empresarios Agrela da Coruña.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou a calidade das 62 candidaturas que este ano concorreron ao certame nas diferentes categorías, facendo fincapé en que son “unha excelente mostra do enorme potencial que ten a provincia para continuar innovando, apostando polo talento da nosa xente e liderando a creación de proxectos empresariais de éxito”.

O acto estivo conducido pola presentadora Paula Vázquez e contou tamén coa asistencia do vicepresidente, Xosé Regueira, o deputado responsable da área de Emprego e alcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato e o presidente do xurado e da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla, así como numerosos representantes do mundo empresarial e asociativo da provincia da Coruña.