A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade retomou recentemente estes traballos nas vías da Xunta, tras renovar, por máis de 2,2 millóns de euros coa empresa pública Seaga, o contrato para acometer tarefas de control da biomasa das marxes das estradas de titularidade autonómica para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.
Ao longo desta semana proseguirán os labores de roza e de limpeza nas marxes da estrada AC-550, ao seu paso polo concello coruñés de Muros; e tamén na estrada AC-413, ao seu paso polo municipio de Ordes.
Estas actuacións de limpeza contribúen á prevención dos lumes ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías. Cómpre lembrar que a Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.
Por outra banda, estas intervencións favorecen o control da vexetación, que tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados retirarán árbores que poidan caer á calzada en caso de temporal e evitarán vexetación que invada as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Tamén permiten aumentar a visibilidade dos usuarios da estrada e conseguen o efecto de afastar aos animais, como xabarís ou corzos das vías.
A nova encomenda a Seaga ten unha vixencia de doce meses e impulsa o despexe e roza de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas. Ademais, tamén supón un apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.