A Xunta estende a prealerta por escaseza de agua á bacía do río Anllóns

1 minutes read

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu este xoves unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, integrada tamén por Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural. Na xuntanza, acordouse manter a declaración de seca prolongada en toda a Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa. No encontro analizouse a evolución da situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas da Demarcación, confirmándose a continuidade da anomalía hidrolóxica que se vén advertindo dende principios de ano.

En canto á meteoroloxía, o mes de xullo foi moi seco e as previsións para agosto manifestan falta de precipitacións. Os caudais circulantes rexistraron no mes de xullo valores inferiores aos habituais para esta época do ano, un 34,4% por debaixo, da media dos últimos dez anos. Apréciase un empeoramento con respecto a mediados de xullo, onde os caudais estaban un 20% por debaixo da media histórica.

No que se refire á ocupación actual dos encoros de abastecemento da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa era a 1 de agosto do 82,81%, un 11% inferior á ocupación do mesmo período para o ano 2021. En xeral, os encoros de abastecemento rexistran valores de ocupación inferiores aos niveis medios para esta época.

Na reunión deste xoves, abordouse como novidade a proposta da activación da prealerta por escaseza na zona correspondente ao sistema de explotación do río Anllóns e á costa da Coruña ata o límite con Arteixo.

Esta proposta vén motivada polos datos da estación de aforo do río Anllóns, que manifestan un drástico descendo dos caudais no último mes, e polas previsións de falta de chuvias a curto-medio prazo.