Dous novos buques saen de Ucraína con miles de toneladas de gran

1 minutes read

Outros dous buques con cargamento de cereais saíron de Ucraína. Ambos se dirixen a Turquía. Trátase do Fulmars que transporta 12.000 toneladas de millo. O outro, o Thoe leva preto de 3.000 toneladas de sementes de xirasol. Ata o de agora 16 buques con gran saíron dos tres portos ucraínos que están a ser vixiados polo Centro de Coordinación Conxunta de Istambul. Ambos os buques terán que pasar por esta cidade onde un equipo de inspectores revisará a carga para certificar que non transportan armas. O centro creouse tras un acordo entre Rusia e Ucraína, coa mediación de Turquía e Nacións Unidas. Desta forma desbloqueáronse uns roteiros que segundo a ONU era fundamental reactivar para evitar unha crise alimentaria e unha fame negra en varios países moi dependentes dos cereais ucraínos de Oriente Próximo, África e Asia. A ONU, que espera fretar máis barcos con este fin, destaca que as exportacións comerciais tamén están a axudar a rebaixar os prezos nos mercados globais e a aliviar a situación.