A agrupación municipalista Xuntos Carballo M+J acaba de crear dúas áreas de traballo tras varias achegas feitas pola cidadanía. Coa presenza na rúa dos diferentes integrantes da formación, son constantes os problemas e reivindicacións que a veciñanza lles expón. Entre eles, destacan as amparadas pola Lei de Benestar Animal, que obriga á recollida de diferentes tipos de animais por parte dos concellos. Outras lles chegan desde o pequeno comercio e a hostalería, desamparados, din, polas diferentes administracións.
Á fronte destas áreas da formación municipalista estarán Sergio Gundín Vilanova e Víctor Manuel Fraga Arantón; «dúas persoas que sen dúbida farán un excelente traballo nas súas respectivas funcións», afirma desde Xuntos Carballo M+J o seu secretario xeral Xesús Deus Gende. «O primeiro, Sergio, como defensor dos animais e a natureza dado o seu alto compromiso con todo o relacionado co tema e o segundo, Víctor, porque desde a súa profesión de cociñeiro coñece amplamente o sector hostaleiro e o pequeno comercio», conclúe.