Malpica de Bergantiños e Malpica de Tajo consolidan a súa irmandade

2 minutes read

O Concello de Malpica viaxou con algúns veciños do pobo ata o municipio toledano de Malpica de Tajo para afianzar os lazos que os unen. Despois de moitos intentos e atrasos motivados por diferentes cuestións, entre elas, a pandemia, levouse a cabo un feito polo que o tenente alcalde, Alfredo Cañizo, leva loitando desde hai anos.

Arredor de 2.000 persoas asistiron este sábado a un acto moi importante no que o alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga e o alcalde de Malpica de Tajo, Santiago Huertas asinaron unha carta na que se comprometeron a favorecer a creación de lazos de amizade entre os dous pobos, a dialogar e intercambiar experiencias, a promover o intercambio entre veciños para desenvolver o sentimento de fraternidade e a promover os valores universais que constitúen a liberdade, a democracia, a igualdade e o Estado de dereito.

Eduardo Parga explicaba con ledicia que estaba “cheo de orgullo de ter a oportunidade de coñecer Malpica de Tajo, un pobo ao que xa sentimos como Irmán” e aseguraba “os mais de 700 km que separan ambos concellos non son nada comparado con todo aquilo que nos une, o sentimento de pertenza a nosa cultura, terra e forma de ver a vida”. Parga agradeceu a asistencia a todos os que estiveron presentes “nun día histórico”.

O alcalde de Malpica de Tajo, Santiago Huertas iniciaba feliz o seu discurso falando das “dúas Malpicas máis importantes de España”, que este sábado, 3 de setembro “afianzaban a súa irmandande para coñecerse e confraternizar”. Huertas agarda que coa sinatura da carta, “se favoreza á creación de lazos de amizade e que os pobos se acheguen máis para crear proxectos de acción e progreso”.

O tenente alcalde de Malpica, Alfredo Cañizo, é realmente o que leva moito tempo loitando para que se asinase a irmandade de maneira oficial. O tenente alcalde pronunciou un discurso moi emocionado no que recordou a Jesús Cedena, ex alcalde de Malpica de Tajo que faleceu recentemente e que segundo conta Cañizo, “foi o primeiro contacto con este pobo”. Cañizo está moi agradecido a un pobo “bonito, acolledor e que ten artesanía de Buño por todas partes porque sempre lle traio algún recordo”.

Cedida.

No acto estiveron presentes tamén o alcalde de Bernuy, Rafael Machín, o alcalde de San Martín, o ex alcalde de Malpica de Tajo, Mario Cruz, o tenente alcalde, Alfredo Cañizo, a concelleira de Promoción Económica, Pilar Doldán, o concelleiro de obras, Miguel Fernández, o delegado de la Junta e a Vicepresidenta da Diputación de Toledo entre outras personalidades.

Tralos discursos, houbo un intercambio de bastóns e de bandeiras e asinouse a irmandade. Tamén houbo unha degustación de comida tradicional e unha demostración de baile: por unha banda, o folclore da zona de Toledo, da man de Aires de Ronda, e, por outra banda, amenizaron a xornada os gaiteiros coruñeses da Asociación Donaire.