Finaliza o servizo de socorrismo na praia de Caión

1 minutes read

O servizo de socorrismo e salvamento posto en marcha polo Concello durante a temporada de verán na praia de Caión finalizou dun xeito satisfactorio despois de tres meses operativo.

Desde o 15 de xuño e ata o 15 de setembro foron mobilizados un total de sete socorristas máis o coordinador xeral para aumentar a seguridade dos bañistas, informar sobre calquera cuestión que afectase á praia e controlar o uso axeitado do areal de acordo ás normativas vixentes e aos condicionantes establecidos pola Bandeira Azul. O servizo estivo operativo a diario desde as 12:00 e ata as 20:00 horas.

Durante os tres meses o equipo de salvamento e socorrismo xestionou un total de 171 incidencias, estando a maior parte delas relacionadas con feridas, contusións ou picaduras sufridas por bañistas. As intervencións máis importantes foron tres rescates acuáticos resoltos con éxito.

Neste ano por primeira vez dispúxose dunha moto acuática apta para traballos de salvamento. Ademais, a Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia ofreceu durante o verán na praia de Caión un servizo de conciliación a familias con rapaces de idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos no marco do Plan Corresponsables impulsado pola Xunta de Galicia.

No servizo de salvamento e socorrismo na praia de Caión o Concello investiu neste verán 68.000 euros.