As forzas da orde investigan a autoría duns feitos vandálicos, producidos nas últimas horas sobre o parque canino da Braña, situado na rúa Médico J.M. Lado, nas inmediacións da antiga urbanización Riotorto. Persoas descoñecidas cebáronse co peche perimetral, desmotándoo en case a súa totalidade, e tamén algúns dos postes de madeira que o sostiñan. A maioría do material desapareceu do lugar. Este venres pola mañá a indignación era a tónica dominante entre os usuarios e veciños deste parque, que ademais era moi utilizado e atopábase en perfectas condicións.
O Concello de Carballo presentou denuncia na Garda Civil polo roubo. En total desapareceron 21 pranchas metálicas que estaban situadas entre os postes de madeira. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, achegáronse para comprobar o alcance dos danos, que xa están a ser reparados dende que se tivo coñecemento do suceso, a primeira hora da mañá, pola brigada municipal de obras. O valor dos elementos roubados acada os 1.059 euros, sen contar a man de obra.
O parque canino, que ten unha superficie de 690 metros cadrados, construíuse este verán. As obras consistiron na construción dun valado formado por postes de madeira e tela metálica, cun perímetro de 115 metros e unha altura de 1,50 metros. A instalación está dotada tamén cunha fonte de auga especialmente deseñada para que poidan beber os cans, papeleiras, bancos e zonas de xogo e adestramento. O investimento total foi de 23.472,21 euros.