O Concello de Cerceda vén de rematar as intervencións de adecuación dos accesos do CPI O Cruce, que contratou por un total de 204.625,07 euros.
En primeiro lugar, mellorouse a capa de rodaxe cunha capa de aglomerado en quente tanto na vía que dá acceso ao centro educativo como no aparcadoiro, nun total de superficie de 2.735 metros. Reparáronse previamente os baches e perfiláronse as mordentes do firme da plataforma existente.
Dotouse á contorna tamén de novas beirarrúas, coa construción de 156 metros lineais con bordo de formigón prefabricado e baldosa hidráulica, sobre unha cama de vinte centímetros de zahorra e dez de formigón.
Tamén se dotou á contorna de servizos de alumeado público, saneamento, recollida de pluviais e abastecemento de auga, cos correspondentes pozos de rexistro, o que supón unha renovación da dotación deste servizo
Finalmente, construíronse tamén dous muros de formigón para a contención de terras, así como unha varanda de protección, ao que hai que engadir a correspondente renovación da sinalética vertical e horizontal, en virtude de mellorar a seguridade viaria.
“Este está a ser un mandato cunha gran aposta pola educación en materia de investimentos”, sendo esta unha obra “que non só mellora a explanada, tamén a visibilidade de maneira substancial nun dos principais cruces do concello”, asegura o alcalde, Juan Manuel Rodríguez.