`Camiñemos pola esclerose múltiple´ pecha a campaña en Santiago

1 minutes read

Iniciouse o pasado 30 de maio durante a conmemoración do Día Mundial da Esclerose e, tras estes meses de andaina realizada por persoas que quixeron darlle visibilidade á campaña `Camiñemos pola esclerose múltiple´, a liña de meta deste camiño simbólico estará marcada en Santiago, o domingo, 16 de outubro, ás 12 horas, no hotel Congreso de Teo. Realizarase a lectura dun manifesto que destaca a petición de que as persoas que teñan diagnosticada a esclerose múltiple se lles conceda o certificado de discapacidade do 33%.

O Director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, a Xerente do Sergas, a Concelleira de Políticas Sociais do Concello de Santiago e o Presidente de COGAMI confirmaron a súa asistencia.

Para rematar, o acto contará co compoñente festivo e de encontro a través do concerto do grupo Los Mecánicos e cun xantar de confraternidade ao que asistirán persoas usuarias, familiares e profesionais das entidades representativas en Galicia da esclerose múltiple: ACEM Coruña, AVEMPO, ALUCEM, AODEMPER e ACEM Santiago.