Boqueixón conta xa cun punto limpo móbil

1 minutes read

O Concello de Boqueixón vén de recibir esta mañá un camión dotado de guindastre e volquete basculante, que permitirá poñer en marcha un punto limpo móbil no municipio. Un vehículo, achegado pola empresa Grúas y Autoventas Betanzos SL, que supuxo un investimento de 70.180 euros.

O alcalde, Manuel Fernández Munín, apunta que “aínda que Boqueixón dispón xa dun punto limpo fixo, emprazado no polígono empresarial de Sergude, con este novo servizo pretendemos facilitarlles aínda máis as cousas aos veciños e veciñas á hora de reciclar, xa que iso nos axudará a preservar o noso rico medio natural”.

O novo punto limpo móbil de Boqueixón estará dispoñible unicamente para residuos domésticos. Conta con oito compartimentos para a recollida de: papel e cartón, pequenos electrodomésticos, aceites usados, envases de plástico-latas e briks, lámpadas fluorescentes, envases de vidro, pilas e baterías e roupa e calzado.