Unha persoa particular foi quen chamou ao 112 Galicia para solicitar axuda, despois de producirse unha saída de vía na estrada que une Santa Comba e Baio, no lugar das Travesas. No seu relato, indicaba que a persoa que conducía o turismo chocara contra un muro e, aínda que estaba liberada e accesible, era precisa a asistencia médica urxente.
De inmediato, desde o 112 púxose a situación en coñecemento do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, ao momento, notificou o desprazamento dunha das súas aeronaves medicalizadas ata o lugar do accidente.
Así, para prestar apoio aos profesionais sanitarios, os xestores do 112 Galicia solicitaron a colaboración dos Bombeiros de Santa Comba, que axudaron aos profesionais sanitarios na evacuación do ferido.
Deste xeito, o afectado puido ser conducido ata o helicóptero e, posteriormente, trasladado ata o centro hospitalario de referencia.
Ata o lugar, moi preto da parroquia de Santa Sabiña, tamén acudiron os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, ademais dos efectivos de Protección Civil da localidade.