Morre unha muller de 78 anos nun atropelo en Vimianzo

1 minutes read

Unha muller de 78 anos faleceu como consecuencia dun atropelo na estrada AC-432 á altura de Ponterroda-Vimianzo, en sentido á Ponte do Porto. O accidente sucedeu contra as oito da tarde deste sábado. A persoa, que ao parecer, non levaba chaleco reflector, cruzaba por unha zona de escasa iluminación e visibilidade e que non estaba habilitada para elo.

Mobilizáronse Protección Civil e a Policía local de Vimianzo e axentes da Garda Civil de Tráfico ademais de sanitarios do 061, que non puideron facer nada por salvarlle a vida á muller. Tras certificar o seu falecemento trasladouse o cadáver ao complexo hospitalario da Coruña para realizarlle a autopsia.

A Garda Civil incide na importancia do uso de pezas reflectoras por parte dos peóns. De 71 falecidos nas estradas galegas 11 eran peóns e ningún deles levaba prendas reflectoras, un dato a ter en conta sobe todo cando a maioría deles foron atropelados a punto de chegar ao final do traxecto a cruzar. Dende a Garda Civil insisten en concienciar aos nosos maiores que fagan uso destas prendas para poder ser vistos.