Carballo pechou o mes de outubro coa celebración do pleno ordinario

2 minutes read

Entre os numerosos asuntos que integraban a orde do día destaca a aprobación por unanimidade do plan especial que permitirá reordenar o ámbito das antigas casas dos mestres para a construción dun edificio social, e da adhesión do Concello á Rede española de cidades saudables, unha agrupación creada no seo da Federación Española de Municipios e Provincias da que tamén forman parte municipios galegos coma Santiago, Ourense, Narón ou Curtis, e que, como explicou o concelleiro de Innovación, Formación e Emprego, Iván Andrade, ten unha filosofía plenamente coincidente coa política de humanización impulsada polo goberno municipal, e ademais permitirá acceder a unha serie de fondos destinados a seguir situando ás persoas no centro da acción municipal.

A corporación municipal tamén abordou os seguintes asuntos:

  • Contrato administrativo de “Servizo de limpeza viaria e servizos conexos”. Aprobación da proposta de estrutura de custos da actividade. Aprobado cos votos a favor de BNG e PP e as abstencións de PSOE e TeGa.
  • Anexo de expropiacións do proxecto construtivo “Mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace AG-55 e AC-552 na Cepeira-Sísamo”. Votaron a favor todos os grupos agás o PSOE, que se abstivo.
  • Bonificacións das cotas do ICIO, IBIU e IAE por fomento de emprego para dúas empresas no parque empresarial de Bértoa e na rúa Rosalía de Castro. Aprobadas por unanimidade.
  • Compatibilidades solicitadas por catro profesores do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo. Aprobadas por unanimidade.
  • Moción do PSOE sobre gravames de carácter temporal a entidades bancarias e enerxéticas. Todos os grupos votaron a favor agás o PP, que o fixo en contra.
  • Moción do PSOE para a adaptación de pasos de peóns para persoas con trastorno do espectro autista. Aprobada por unanimidade tras a modificación solicitada polo BNG para eliminar o segundo punto.
  • Moción do PP sobre a ocupación de vivendas. Rexeitada cos votos en contra do BNG e as abstencións de PSOE e TeGa.
  • Moción do PP contra o veto da Unión Europea á pesca de fondo. Aprobada por unanimidade tras a aceptación dunha emenda presentada polo BNG.