A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acudiu ao xardín de San Carlos para a recepción das obras de restauración postas en marcha este ano polo executivo municipal. A recuperación integral dos emblemáticos xardíns históricos está financiada con fondos europeos, e o investimento ascendeu a máis de 250.000 euros. Rey estivo acompañada pola concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán. Os traballos garanten o respecto dos seus valores históricos e culturais e melloran a interpretación da súa importancia. Como principal novidade, recuperouse o trazado antigo do xardín sen alterar a súa esencia, coas súas oito divisións orixinais. Instaláronse tamén novos elementos de divulgación e información histórica, cultural e botánica. A actuación executouse procurando sempre a mínima intervención dos bens artísticos.
9