Iniciada a mellora e ampliación das instalacións náuticas aboiantes de Betanzos

1 minutes read

A actuación supón a ampliación do pantalán do club de piragüismo cun novo módulo, fixado mediante biela e dous tensores en cruz, xerando unha liña de atraque de 30 metros. Deste xeito darase resposta á demanda de acceso á lámina de auga por parte das embarcacións de pequenas dimensións trasladada polo propio club de piragüismo e os usuarios da náutica-recreativa da zona.

Ademais os traballos incluirán a substitución da pasarela acadando unha redución da pendente no acceso así como a instalación dunha rampla para o cambio do francobordo entre o novo e o antigo pantalán. Finalmente, tamén se dotará a zona de escalas abatibles de seguridade para a subida desde a auga en caso de emerxencia.

Esta actuación inclúese nun programa conxunto que Portos de Galicia está a executar por importe de 1,2 millóns de euros para a mellora de pantaláns en oito peiraos coruñeses, os de Pontedeume, O Freixo, Corme, Fisterra, Muros, Miño, Betanzos e Corcubión.