Chega a quinta edición do Festival Brión Inclúe

1 minutes read

Esta semana presentouse o V Festival Brión Inclúe, que ata o 13 de novembro achegará unha programación cunha quincena de artistas e compañías á vila. Unha proposta pensada dende e para a inclusión real de persoas con discapacidade, que serán as protagonistas como creadoras e consumidoras de cultura.

O obxectivo de Brión Inclúe é, por un lado, servir de escaparate para aqueles colectivos que traballan na inclusión social a través das artes, e, por outro, normalizar e visibilizar a diversidade funcional como parte propia da cidadanía. Sempre baixo o poder da cultura como ferramenta de integración e a necesidade de seguir reivindicando o dereito a facer e consumir cultura sen barreiras.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, felicitou tanto ao equipo de Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega como ao Departamento de Cultura de Brión polo programa deste ano. “Comezamos no 2018 cunha meritoria programación de tres días e desde entón non deixamos de medrar”, lembrou Lago Sanmartín, quen apuntou que “coincido co que dixo Fran o ano pasado: é o momento de sentirse orgullosos deste concello, que foi quen de poñer en marcha un festival que rompe fronteiras, as da diversidade”.