Pontecesures repartirá 2.600 discos de estacionamento coa lenda ‘Non á violencia de xénero’

1 minutes read

O Concello de Pontecesures ten preparada unha ampla programación para a conmemoración do 25 de novembro, día internacional contra a violencia de xénero, que se desenvolverá ata o vindeiro 10 de decembro. Baixo a lenda “Non estás soa”, a Concellería de Igualdade que dirixe Laura Villar elaborou un amplo programa con actividades dirixidas aos distintos colectivos do municipio.

A primeira acción será o reparto de 2.600 discos de estacionamento, editados polo Concello en colaboración coa Deputación de Pontevedra, coa lenda: “Non á violencia de xénero” sobre unha fotografía nocturna da ponte romana. “Ao longo desta semana iniciaremos o envío dos discos de estacionamento á veciñanza de Pontecesures. Farémolo seguindo o Padrón Municipal de Vehículos, entregándolle un exemplar a cada titular dun vehículo xunto cunha carta informativa que busca sensibilizar a esas persoas en cuestións de violencia contra a muller”, explica Laura Villar, concelleira de Igualdade de Pontecesures.