O acto central do XVI Día do Peón tivo lugar na Carballeira de Santa Minia organizado por Brinquedia e a Rede Galega do Xogo Tradicional, en colaboración co Concello de Brión. Baixo a lenda “Polo San Martiño, peóns ao camiño”, os alumnos das escolas infantís dos Ánxeles e Sabaxáns, do CEIP de Pedrouzos e do IES Brión fixeron bailar as súas buxainas.
Un acto que contou cunha exhibición dun artesán torneiro, que elaborou peóns na propia carballeira, e dun magosto, que desfrutaron non só a rapazada, senón todas cantas persoas se achegaron a desfrutar do evento. O alcalde de Brión, Pablo Lago, felicitou a Brinquedia “por esta magnífica iniciativa” e animou aos presentes a que “sigades xogando a este xogo tradicional ao que teño xogado de neno e, se non o coñeciades, que vos animedes a botar uns xogos”, lembrando que este tipo de xogos tradicionais “valen tanto para nenos como para vellos”.
Esta iniciativa busca normalizar o patrimonio lúdico na sociedade e, en particular, as buxainas entre os menores.